Consellos para facer o Camiño de Santiago co teu can


O Camiño de Santiago é unha experiencia marabillosa, moi especial, enriquecedora, e máis aínda se o fas acompañado do teu can.
É unha verdadeira viaxe espiritual, sexan cal sexan as crenzas; de introspección e de contacto coa natureza, coas persoas e cos outros animais que nos acompañan ou nos atopamos na Rota. Ao compartir o día a día de forma intensa e profunda, os lazos estréitanse, acabaredes por coñecervos mellor e o vínculo entre vós sen dúbida se fará máis forte.

Pero o Camiño non está exento de dificultades, sobre todo cando se realiza cun peludo de catro patas. Por iso é necesario que sexas consciente e responsable, tanto antes da viaxe como durante a mesma.

De seguido imos expoñer uns consellos xerais:

 

1. Organiza ben a viaxe. Dedícalle tempo. Organiza as etapas segundo a capacidade física do can. Chama con antelación ás hospederías e reserva praza. Pensa no transporte de volta, se necesitas transportin para o autobús, tren, taxi, ou se sería posible viaxar con el en avión, de ser o caso. Infórmate dos transportes previamente e ten en conta que case sempre existe discriminación polo tamaño do peludo. Localiza veterinarios no teu traxecto. Pregunta por veterinarios de confianza. Consúltanos a APACA se o consideras necesario.

Antes de comezar a viaxe asegúrate de que o can ten postas dúas doses mínimo das seguintes vacinas: parvu trivalente (moquillo, hepatite e leptospira). Vacina da rabia 20 días antes. E, como vai estar en zona rural e en contacto con cans con estado sanitario descoñecido, recomendaría poñer a vacina da tos das canceiras contra o virus da parainfluencia canina e bordetella bronchiséptica.

 

2. Observa como é o teu can. Pensa en cales poden ser as súas necesidades e limitacións específicas. Non tódolos consellos son axeitados para tódolos casos. APLICA A LÓXICA E O AMOR CARA A EL.
¡É a mellor receita!

 

3. Se é preciso, prepárao fisicamente facendo camiñatas diarias antes de saír, para ver como responde.

 

4. Tamén desaconsellamos por norma xeral a peregrinaxe con cans anciáns. Se aínda así decides levalo, pensa que necesitará que o transportes nalgún momento, así como aos cans cachorros, demasiado pequenos ou con algunha limitación ou enfermidade. Os cans con enfermidades limitantes como espondiloartrose ou displasia de cadeira non deberían facer máis de 3 horas diarias de camiñata e sempre baixo supervisión veterinaria. aínda que hai excepcións tanto para arriba como para abaixo desta idade.

Hai outros cans que igual tampouco están preparados para facer o Camiño: os moi pequenos, por exemplo, poden necesitar que os leves no colo ou similar nalgúns momentos. Pénsao e consulta se tes dúbidas. Non antepoñas os teus desexos ao seu benestar. Moitas persoas peregrinas veñen con carritos para os seus cans ou mochilas para cargalos puntualmente. Por suposto, si vés en bicicleta, SEMPRE deberás levar un carrito ou cesta para que poida ser transportado con comodidade.

 

5. Leva un botiquín para el ou ela. Pode conter os seguintes obxectos:


  • Gasas

  • Vendas

  • Esparadrapo

  • Pinzas

  • Xabón neutro e hipoalerxénico

  • Soro fisiológico, mellor en monodosis

  • Clorhexidina

  • Pomada cicatrizante

  • Pomada con corticoides

  • Corticoides

  • Analxésico

Un bote de probióticos pode axudar no caso de que os nosos cans teñan unha diarrea leve por beber dun charco ou dun río algo contaminado, por cambio de alimentación durante o camiño, etc.

– Gasas adhesivas, auga oxigenada e vendas cohesivas non deben faltar polo si ou polo non se fai unha ferida, corte ou se se engancha o espolón.

– Unha vela e un mecheiro, remedio casero para cortar a hemorragia dunha uña que se gastou de máis ou descascarillado.

– Urbasón inxectable con xiringa e agulla (azul). Para casos de reacción alérxica, picadura de abella, vespa, mordedura de serpe ou ata reacción por contacto con orugas procesionarias, moi comúns en zonas de piñeiros. Inxéctase no músculo das patas traseiras, pero debes pedirlle ao teu veterinario que che ensine a facelo ou acudir a un local.

Nota: Sobre a medicación e as pomadas acudide ao voso veterinario, son os que mellor vos poden asesorar sobre estes temas. Recordade que os nosos peludos non poden tomar a mesma medicación que as persoas, pode chegar a ser moi perigoso.

 

 

Outros consellos: Nas desparasitacións internas, cada 3 meses Milpro ou Drontal (border collies). Desparasitacóoes externas, Bravecto (pastilla contra pulgas, garrapatas e sarna demodecica). porque dura tres meses e a súa eficacia de matar estes parásitos non diminúe cos lavados con xabón.

Tamén un colar repelente contra o mosquito flebotomo (leishmania). Se o can é alérxico ao colar, pipetas mensuais.

 

6. Organiza a súa comida. Pensa que vai facer moito exercicio e quizais estar exposto a frío, choiva, calor ou estrés, polo que debería comer ben, alimentos enerxéticos e proteicos. Quizais non os atopes nos pobos ou aldeas polos que pases. Organízao en cada etapa.

Levar premios para darllos durante o camiño.

É boa idea levar algúns sobres de comida húmida, que aportan moitas calorías e os mesmos nutrientes que o penso seco.

 

7. O aloxamento é un dos problemas máis importantes. Aínda que é unha realidade a escaseza de hospedajes que permitan a entrada aos cans, tamén o é un feito que cada vez se vai avanzando máis neste aspecto, sobre todo no ámbito privado.

Nesta páxina temos un listado de establecementos valorados polos propios usuarios que chegaron ao noso local e ligazóns a outras páxinas con listados. Só busca en internet e contrasta información.

Escolle, sempre que sexa posible, os aloxamentos máis dog friendly, é dicir, con máis servizos para os cans e con máis empatía cara a eles por parte dos responsables do establecemento.

O máis importante: Non deixes que o teu can durma separado de ti. Sobre todo, NON O DEIXES FÓRA. Pódeo pasar realmente mal, e no peor dos casos pódencho roubar. Non é o primeiro caso do que temos constancia. Un establecemento que che deixa atar ao teu can a unha cerca ou unha argola, NON é un establecemento dog friendly. E, ao noso parecer, tampouco o é aquel que tan só che permite encerrar ao teu compañeiro nun canil, alpendre ou similar.

En canto a albergues públicos, aínda non se pode contar con eles, malia que existe unha enorme demanda social que solicita a igualdade de dereitos para as persoas que viaxan co seu can. E, por suposto, tamén para eles. Desde APACA recollemos tódalas vosas opinións e demandas a este respecto e llelas enviamos aos responsables de moitos establecementos públicos en Galicia.

 

8. O frío e a calor. O máis perigoso é sempre a calor, o sol e o asfalto abrasador. Protéxeo, evita as horas de máis calor. Evita, sempre que sexa posible, o asfalto, sobre todo se fai calor. Hidrátao suficientemente e non te esquezas das súas patiñas.

Algúns tipos de cans, como o boxer, sofren moito polas súas dificultades na respiración e porque van moi preto do asfalto. Teno en conta de ser o teu caso.

Se chove moito, ocúpate de secalo ben, polo menos pola noite. O frío e a choiva constante tamén poden afectarlles.

Leva un impermeable lixeiro, que manterá ao can seco e máis protexido nos momentos de choiva.

 

9. Coida e protexe as súass almofadiñas. As camiñatas ás veces son longas de abondo e o asfalto demasiado abrasador. Utiliza cremas hidratantes pola noite. Algunhas persoas tamén usan endurecedores; a outras, con todo, non lles deron bo resultado. Tamén hai calcetíns para cans. Podes probar se o consideras oportuno.

 

10. Descanso. Un dos erros máis comúns é pensar que o teu can se adaptará ao teu ritmo sen ningún problema, pero ás veces non é así. Obsérvao e pensa niso. Non te marques metas que o teu fiel compañeiro non poida soportar. Proporciónalle o descanso que necesite aínda que non coincida coas etapas que te marcaches. Así, ambos gozaredes máis a viaxe.

 

11. A saúde. Durante o ano 2018 recibimos moitas chamadas de peregrinos con problemas de saúde dos seus cans. Ás veces son cousas moi evidentes que aconsellan abandoar inmediatamente a viaxe e levalos ao veterinario. Se é así, faino: non poñas en perigo a súa saúde. Outro ano terminarás a peregrinaxe. Desde APACA emitimos algunhas PeRRegrinas de carácter especial recoñecendo as boas praxes respecto diso, aínda que os peRRegrinos non acaden a chegada a Santiago.

Noutras ocasións, os síntomas non evidencian tan claramente que se trate de enfermidade ou problema de saúde. Por exemplo, hai persoas que se poden asustar vendo comer herba ao can, sobre todo cando logo vomitan; polo xeral, non hai nada de malo niso sempre que a herba proveña de prados limpos, ribeiras ou zonas de montaña, xa que os cans adoitan comer herba para purgarse. En todo caso, moitos non están afeitos e podería provocar gastrite e outros efectos non desexados.

Pero ante calquera dúbida sobre a súa saúde, o máis prudente é solicitar consello veterinario. Se non tes ningún de confianza, ou si o prefires, podes chamarnos e aconsellarémoste, e axudaremos en todo o que poidamos.

 

12. O arnés. Evita os colares. Utiliza un arnés que lle sexa cómodo. Lévao atado en estradas ou zonas urbanas, pero por camiños rurais, campos e ríos, déixao gozar, sempre que sexa posible e o can obedeza perfectamente á c hamada. En Galicia está permitido por lei que os cans vaian soltos por camiños rurais, aínda que ás veces hai bandos municipais que contradín á Lei autonómica. De tódolos xeitos, sempre verás cans soltos nas aldeas. É parte da idiosincrasia do rural galego.

 

– Os trekking poles son necesarios non só para andar, senón tamén para evitar aos cans asilvestrados, con levantalos adoita ser máis que de abondo.

– Colar e arnés, para elixir o que lle sexa máis cómodo (a algúns cans pódelles ir mellor o arnés, sobre todo se tirán, pero a outros pódelles rozar e molestarlles, polo que lles viría mellor o colar)

– Desparasitación interna dos cans antes e despois do Camiño, polos excrementos doutros animais que poidan comer.

– Elementos reflectantes para can e persoa.

– Premios enerxéticos para o Camiño, que se poden dar cando se pare a xantar. Por exemplo Alpha Sporting.

– Ter en conta que coas caminatas vanse limar moito as súas uñas, xa que logo é importante non cortarllas moito antes de saír. En todo caso o espolón, se non o ten xa cortado ao día.

 

13. Identificación. Cartilla veterinaria ou pasaporte canino (obrigatorio).
Aconsellamos levar chapa co seu nome e un numero de teléfono.

 

14. En resumo, o principal é adaptar o ritmo e a ruta ás necesidades do can. Xa non é o primeiro que, malia ter limitacións físicas importantes, vemos chegar en moito mellor estado que outros con condicións de saúde ideais. É a actitude das persoas que van con eles o que marca a diferenza entre unha viaxe de auténtico pracer e outra que chegue a ser un suplicio para o can. Incluso as carenzas de servizos para peRRegrinos no camiño son menos importantes que os coidados e as boas praxes das persoas ás que acompañan. Mira ao teu can e entende o que necesita.

As palabras crave son EMPATÍA, RESPONSABILIDADE e LÓXICA.

Tendo todo isto en conta non haberá dificultades que non poidades sortear; a vosa viaxe será unha experiencia máxica e marabillosa. Sexa cal for o motivo polo que ti o fagas, el ou ela sempre estará feliz de facela contigo.


 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies

Pin It on Pinterest

Share This